Monday 06 de May de 2024

O Concello de Brión organiza unha ruta de sendeirismo polos cantís do Loiba (Ortigueira)


O Concello de Brión organiza unha nova ruta de sendeirismo, que terá lugar o vindeiro 30 de xuño e que suporá unha oportunidade única para coñecer camiñando a costa da comarca de Ortegal, coas súas fermosas praias e impresionantes acantilados. A andaina transcorrerá polos acantilados do Loiba (Ortigueira) á beira dunha abrupta costa fragmentada en milleiros de cons con forma de agullas. Un percorrido duns 22 quilómetros e dificultade baixa, con miradoiros onde gozar das fermosas vistas dunha agreste costa con fermosas praias e, segundo contan, o banco máis fermoso do mundo.

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse na ruta ata as 14:00 horas do xoves 28 de xuño, na Casa da Cultura de Brión ou nos teléfonos 981 50 99 08 (mañás) e 981 50 99 69 (mañás e tardes). O Concello de Brión convoca 52 prazas, que se asignarán por rigorosa orde de inscrición. O prezo é de 8 euros.

A saída do autobús terá lugar o sábado 30 de xuño ás 8:00 horas dende a Carballeira de Santa Minia. Recoméndase participar na actividade con roupa e calzado axeitados para camiñar. Tamén será necesario levar comida tipo pícnic para xantar a mediodía.